ATEGAL lanza unha app de recursos e actividades para as persoas sénior de Galicia

venres, 2 de xaneiro do 2026 S. P.

As persoas sénior de Galicia contan dende este inicio de ano cun espazo dixital especialmente pensado para elas onde poderán consultar as actividades ocupacionais, culturais e de ocio, ademais doutros recursos útiles e de interese.
A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL) vén de publicar a súa nova aplicación móbil, na que recolle as diferentes actividades e recursos que pon a disposición das persoas usuarias.
A ferramenta está dispoñible para iOS e Android, dende este 31 de decembro.
A través desta aplicación, que conta coa financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, as persoas maiores de 55 anos poderán consultar comodamente desde o móbil as actividades que ofrece ATEGAL. Poderán facelo filtrando os resultados por día, por cidade ou por área temática: cultural, ocupacional, saúde e ocio.
Esta ferramenta está dispoñible para as poboacións galegas onde a asociación ten sede: Vigo, A Coruña, Ferrol, Monterroso, Santiago, Padrón, Ourense e Lalín.
Xunto á descrición das actividades, tamén está dispoñible o contacto da entidade organizadora. “Deste xeito, non só se está a crear un calendario senón un repositorio que facilita a comunicación das persoas usuarias coa entidade, para a resolución de dúbidas e ampliación de informacións”, informan dende ATEGAL, engadindo que o seu obxectivo foi “crear un espazo de recollida de recursos asistenciais, informativos e de consulta que ten en conta as necesidades e intereses específicos das persoas maiores”.