Aberto na Rede o prazo de inscricións para o Congreso do Voluntariado
xoves, 13 de marzo do 2008
Xuventude Galiza Net, o encontro para a mocidade en liña que comeza este venres en Santiago, representa en boa medida o complemento máis axeitado dunha xuntanza que comeza un mes máis tarde no mesmo escenario, o Pazo de Congresos de Santiago, e que vai ser organizado polas mesmas mans, as da Dirección Xeral de Xuventude. Falamos do Congreso Galego de Voluntariado 2008, un foro que se apoia cada vez máis na adaptación á vida real das posibilidades de participación das redes e que, en definitiva, xira arredor dunha temática ben semellante á de XGN: o potencial da mocidade como dinamizadora social. A diferenza, leve, radica no seguinte: se en XGN temos rapaces e rapaces a traballar no afianzamento en Galiza do dixital, no Congreso de Voluntariado temos mocidade tentando consolidar frontes de acción solidaria na nosa terra.
Esta última xuntanza, que xa vai pola terceira convocatoria, celébrase o 10 de abril, e o obxectivo da organización vai máis ca nunca cara a este vieiro: deixar atrás o formato monográfico e adoptar feituras propias da Internet participativa, con grupos de debate, foros e comunicacións relacionadas con temas do eido da acción voluntaria, incluÃndo proxeccións de material audiovisual e fomentando o papel da web do congreso como eixe principal.
De feito, no dito espazo web estase a rexistrar xa actividade: vense de pendurar o programa e de abrir o prazo de inscricións (ata o 25 de marzo) para participantes en xeral e para congresistas.
