Aberto o prazo de inscrición para Ludus Party.net, a xuntanza de internautas en Lugo

luns, 6 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

De tódalas provincias galegas, se cadra era Lugo a que menos cobertura tiña no que se refire a xuntanzas especialmente deseñadas para mozos e mozas en liña. Cubrir ese baleiro é probablemente un dos grandes obxectivos de Ludus Party.net, un encontro tecnolóxico que vai poñer a 500 internautas novos procedentes de todo o Estado baixo un mesmo teito e con acceso total ás redes de alta velocidade durante 50 horas ininterrompidas. Ludus Party.net, que está organizada polo Concello de Lugo (que vén de abrir o prazo de inscrición o día 4 de novembro, polo que cumpriría darse présa co fin de acadar praza), celebrarase entre o 1 e o 3 de decembro no recinto de Feiras e Exposicións da cidade.
A iniciativa forma parte do proxecto Lugo Dixital, e complementarase con actividades de formación e lecer para o público en xeral (haberá pistas de xeo, mostras de robots, cursos e obradoiros de internet, etc): contará polo tanto con dúas partes ben diferenciadas, unha para os internautas previamente inscritos e outra para toda a cidadanía (na extranet).
Ludus Party.net contará para esta edición con 100.000 euros de orzamento e co apoio de até dez empresas colaboradoras. O custo da inscrición é de 15 euros, e esta poderá formalizarse de xeito sinxelo na propia web da xuntanza.

PUBLICIDADE