Aberto o prazo para participar na feira Cultur.gal 08

xoves, 11 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Cultur.gal volve á carga para relembrarnos a todos e todas que o formato de feira galega é un concepto ben amplo e que nela, amais de coller calquera visitante proveña de onde proveña, tamén colle aquilo que decote se ten limitado a librarías, museos e teatros. Falamos de cultura e identidade, os dous grandes eixos deste encontro, tamén coñecido como Feira Galega das Industrias Culturais, a celebrar entre o 4 e o 7 de decembro no recinto Palexco da Coruña. Pois ben, no que respecta ás novas tecnoloxías (o tema que lle atinxe a esta web) a edición 2008 do encontro segue en boa medida o ronsel deixado pola anterior convocatoria, pero afianzando e ampliando os obxectivos.
É dicir: que o relacionado coa Sociedade da Información en Galiza terá unha vez máis un papel de primeira orde, e así o puidemos ir albiscando en 2007 con actividades como a publicación do traballo I+C, exame dos froitos tecnolóxicos e participativos recollidos na nosa terra.
O gran obxectivo de Cultur.gal e a ligazón que une aos diferentes sectores que na feira participan: ofrecer unha visión integral da produción de contidos en Galiza incluíndo todos os ámbitos das industrias culturais: as artes escénicas, o audiovisual, a música, o libro, as novas tecnoloxías para a cultura e o lecer, os servizos socioculturais, etc.
Por certo que os organizadores veñen de anunciar que xa está aberto o prazo para inscribirse no evento, e que esta inscrición pode ir formalizándose a través da web que a Consellería de Cultura (responsable do encontro xunto cun comité constituído por 10 entidades galegas) habilitou para ir dando conta dos obxectivos e actividades previstos para a feira. Na páxina poderemos atopar varios documentos nos que nos informa pola miúdo do que hai que facer para levar a cabo solicitudes e contratacións.