Abre as súas portas en Vilagarcía o salón dos inventos Imaxinaria 2007

venres, 4 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A quinta edición do salón Imaxinaria abre as súas portas este venres no recinto Fexdega de Vilagarcía. Serán tres xornadas (ata o domingo) d actividades e presentacións tirando partido do que coñecemos como capacidade inventiva do ser humano. Porén, este ano a organización (Fexdega) quere abranguer máis eido científico ca nunca e, tamén, máis I+D ca nunca, no sector público e no empresarial, no doméstico e máis no industrial. Polo que puidemos saber, xa están a ser postos en marcha inventos como un innovador aparello para quitar en inverno o xeo dos cristais dos automóbiles (evitándonos polo tanto o fatigoso raspado ou ter que volver á casa a por unha botella de auga morna) ou as tesoiras para facer máis doado o esconchado do marisco.
Segundo apuntou na inauguración o director xerente de Fexdega, este ano estase a facer fincapé en desenvolvementos científicos ligados encamiñados á loita contra as vagas de incendios e contra os asolagamentos. O prezo por entrar estes días na feira é de 3 euros, e o horario é de 12 do mediodía ata as 9 da noite.
Un lugar onde non se presenta nada que se presentase antes. Este ben pode ser un dos moitos xeitos posibles de dar a coñecer a mostra Imaxinaria de Vilagarcía, o Salón Internacional de Inventos e Innovación Tecnolóxica que organiza a Fundación Fexdega e que nesta edición 2007 ficará de portas abertas ata o domingo Trátase dunha xuntanza que é tamén unha exposición dos desenvolvementos daquelas persoas que, coa única axuda das mans e imaxinación, levan a cabo algún tipo de ferramenta, dispositivo ou trebello que non se fixera antes, e que (ademais) teña utilidade.
Mais este ano a feira inclúe unha importante novidade: os organizadores están a encamiñala cada día máis cara ó eido científico e a innovación no eido das empresas e das institucións públicas. En definitiva, cara á Investigación e máis o Desenvolvemento (I+D), fórmula-binomio da que tanto se fala nos últimos tempos e que (a xulgar polas estatísticas) en Galiza e no estado español enteiro aínda non se leva á práctica tanto como se debería. Neste senso, non é de estrañar que Imaxinaria tamén vaia dirixida a activar na medida do posible o espírito de desenvolver o novo, de aí que a pretensión sexa convertela tamén en ponte entre os creadores e as empresas que estean dispostas a fabricar o prototipo ou a poñelo no mercado.

Datos ó voo que cómpre ter en conta
· O salón ten capacidade para máis de medio centenar de expositores, que ocuparán máis dun terzo da superficie da nave de exposición.
· A feira contará cun bazar con produtos xa fabricados.
· Ofrecerase unha exposición de inventos tradicionais con placas que identifiquen ós seus autores.
· Porase en marcha un programa de actividades para acompañantes do expositor que xira arredor de excursións pola bisbarra.
· Habilitarase un xurado para valorar os inventos de maior interese. Logo, celebrarase un acto de entrega de premios.
· Organizaranse relatorios e actividades formativas e informativas, amais dun curso de xestión da innovación na empresa.
· O horario do salón será o seguinte. Das 12.00 ás 21.00 horas.

Inventos presentados en anteriores edicións
Por Imaxinaria teñen pasado multitude de participantes procedentes dos máis diversos eidos de traballo, algúns destes situados en puntos ben afastados, polo menos a primeira vista: dende galpóns habilitados de xeito improvisado ata centros científicos de traballo. A innovación, ímolo dicir ben claro, pode saír de calquera escenario. Entre os inventos máis salientables de edicións anteriores, podemos rescatar os seguintes:
· Un hidroreactor desenvolvido en Portugal que aproveita a enerxía de correntes fluviais e mariñas.
· Un sistema que permite que bloqueemos un teléfono a distancia.
· Un cadaleito de poliespán deseñado especialmente para as incineracións, económico e ecolóxico.
· O coitelo xamoneiro máis rápido do mundo.
· Unha empuñadura para bolsas especialmente deseñada para evitar as molestias das asas dunha bolsa convencional.
· Un protector inchable para mando a distancia.
· Un dosificador con fórmula para converter a auga da billa marinizada.
· Unha bicicleta asistida con motor eléctrico con catro prazas e unha placa solar no teito que pode chegar ós 25 quilómetros por hora e ten autonomía para tres horas (incluíndo a posibilidade de combinar a enerxía solar co das propias pernas do usuario).
· Unha cuña submarina para a rexeneración das praias. Consiste nunha estrutura de bloques de formigón que se sitúan cunha certa inclinación no leito mariño co fin de evitar a fuga de area e permitir a rexeneración dos ecosistemas.