Ábrese a inscrición para a edición de febreiro de Coruña Bloggers

luns, 13 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

O evento mensual solidario Coruña Bloggers abre a solicitude de convites para a súa vindeira edición, que terá lugar o xoves 23 de febreiro ás 19:30 no edificio das ONCE nos Cantóns. Cómpre lembrar que os asistente, aparte de inscribirse previamente, para acudir á cita hai que achegar cando menos 1 quilo de alimentos non perecedoiros que se entregarán na Cociña Económica da Coruña.
O primeiro relatorio da xornada correrá da man do xornalista Iván Cernadas, que abordará os retos que ofrece a intelixencia artificial para creadores de contido, así como as súas posibilidades de uso e o que está por chegar. Tamén dará trucos para tirar proveito da IA e comentará sitios para usala.
Collerá o relevo de Cernadas Carmen Delia Díaz, autora do blog de viaxes Escapalandia, quen explicará como crear contidos que gusten a Google e aos usuarios, como pór en marcha unha comunidade de seareiros e mantela no tempo, como crear unha estratexia de marca persoal apoiada nas redes sociais, como traballar con influentes e facer cartos cun blog, e tamén dará conta de novas ferramentas de intelixencia artificial.
Completará a sesión a Sección 3x3 (na que tres persoas terán 3 minutos cada unha par presentar cadanseu proxecto) e un miniconcerto acústico da cantante coruñesa Alba Porral Tangerine.

PUBLICIDADE