Ábrese a inscrición para un Coruña Bloggers en clave feminina

luns, 16 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Mar Castro falará do spam social o vindeiro día 25

O vindeiro día 25 a partires das 19:30 horas celebrarase no salón de actos da Fundación Barrié na cidade da Coruña a edición número 12 de Coruña Bloggers, encontro solidario para interesados no mundo dos blogs, as redes sociais, a Internet e tecnoloxía en xeral que achega os últimos mércores de cada mes información interesante sobre o mundo 2.0 sendo a súa asistencia de balde, aínda que dende a organización pregan aos participantes acudir con cando menos 1 quilo de alimentos non perecedoiros para a súa doazón á Cociña Económica, estándose a pique de sueprar os 2.000 quilos achegados dende que comezou a organizarse esta iniciativa.
Os interesados en acudir o mércores 25 poden xa solicitar o seu convite a través da Rede, quedando así rexistrado o seu interese en asistir a este encontro que este mes terá lugar en clave feminina, xa que as relatoras serán a economista Isabel Loureiro, quen falará sobre o uso da Internet na procura de emprego, mentres que Mar Castro, consultora en comunicación e protocolo, abordará o spam social, ese grande problema cando as comunicación non desexadas, molestas ou irrelevantes non chegan só do correo electrónico, senón tamén das redes sociais.
A xornada desenvolverase ata as 21:00 horas, cando os asistentes trasladaranse a un local de hostalaría próximo para a correspondente sesión de networking.

O salón de actos da Fundación Barrié acollerá unha vez máis a celebración de Coruña Bloggers