Ábrese a preinscrición de Xuventude Galiza Net

mércores, 26 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O encontro informático Xuventude Galiza Net que se celebrará entre os días 14 e 16 de marzo de 2008 no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela vén de abrir o seu prazo de preinscrición, de xeito que os interesados xa poden apuntarse para conseguir unha das prezadas 1.500 prazas para o evento.
O prazo de preinscrición estará aberto ata o 24 de xaneiro ás 13:00 horas e tal trámite é preciso para poder concretar a inscrición no encontro que se vén a celebrar dende o ano 2000.
Xuventude Galiza Net 08 perfílase coma unha das festas informáticas máis destacadas do ano que entra, sendo sen dúbida o evento deste tipo con maior afluencia de público de Galicia, e un dos máis multitudinarios de España, que xunta a afeccionados non só galegos, que comparten coñecementos e experiencias, así como aproveitan para afianzar relacións que se trasladan da Rede ó mundo físico.
Os asistentes poderán participar en competicións, concursos e distintos xogos que amenizarán os 3 días nos que transcorre o encontro, podendo facerse con importantes premios e agasallos subministrados polas entidades patrocinadoras, polo que moitos participantes non volverán ós seus fogares só coa bagaxe dunha boa experiencia e o seu equipo informático.

PUBLICIDADE