Actividades abertas e cinema en 3D para a Semana da Ciencia dos museos da Coruña

mércores, 12 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Os museos científicos da Coruña atópanse neste intre en plena actividade de divulgación científica. De feito, e con motivo da Semana da Ciencia as súas portas ficarán abertas ao público en xeral (con entrada de balde) ata o 16 de novembro en horario de 10.00 a 19.00 horas. Por unha banda temos a achega da Domus (na imaxe), onde poderemos visitar a mostra Continentes Vivos e asistir (tamén) á proxección dun filme en tres dimensións (3D) e realizado a través de tecnoloxías dixitais: Dinosauros xigantes na Patagonia.
Polo que se refire ao Aquarium Finisterrae, a súa achega consiste tamén nunha mostra, só que neste caso relativa ás ciencias do mar e á súa aplicación no eido da saúde: Farmacéuticos: a botica do mar. Para participar nestas e outras actividades programadas (dirixidas para o público en xeral) de xeito colectivo, cómpre contactar cos museos para formalizar as reservas a través do teléfono 981 189 842.
Por certo que á devandita actividade programada na Domus cómpre engadir outras como por exemplo o obradoiro sobre científicas celebrado ao longo da mañá deste 12 de novembro no dito museo e dirixido a estudantes de primaria. O encontro cos nenos e nenas incluíu sesións de contacontos e representacións teatrais. O obxectivo: procurar a aproximación ás mulleres científicas que desenvolveron e desenvolven o seu traballo nun eido, o investigador, tristemente dominado ao longo da historia pola presenza masculina.