Adobe estrea Creative Cloud Express

luns, 13 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Adobe lanzou hoxe Creative Cloud Express, un novo produto unificado orientado a tarefas, dispoñible para dispositivos móbiles e vía web, que permite crear contidos multimedia coidados, que van dende publicacións para redes sociais até material para mercadotecnica, no que podemos describir como a resposta de Adobe a solucións como Canva e Picsart.
Con Creative Cloud Express podemos crear deseños con só arrastrar e soltar elementos, de xeito que os usuarios poden expresar a súa creatividade nuns poucos clics, aínda que tamén poden basearse en milleiros de deseños predefinidos de alta calidade, enriquecerse con 20.000 tipografías de Adobe e 175 millóns de imaxes de Adobe Stock.
Esta ferramenta pode resultar moi práctica para estudantes, creadores de contido para redes sociais, comerciantes... xa que con independencia do seu nivel de habilidade poderán conseguir expresar graficamente as súas mensaxes dun xeito atractivo e áxil.
Creative Cloud Express tamén integra tecnoloxía avanzada como as Quick Actions, que permite borrar o fondo de fotografías, cortar e mesturar vídeos, converter vídeos en imaxes GIF e converter/exportar PDF en poucos clics.
Podemos comezar a utilizar este produto de balde, tanto vía web como nas súas aplicacións móbiles, existindo tamén unha modalidade de subscrición de 12,09 euros/mes (ou 120,99 euros/ano) que inclúe o acceso completo ao catálogo de elementos gráficos de Adobe e 100 GB de almacenamento na nube.

PUBLICIDADE