Adxudícase a compra dun novo computador cuántico para o CESGA por máis de 9 millóns de euros

luns, 15 de decembro do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a adquisición do novo computador cuántico do CESGA por máis de 9 millóns de euros a Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España S.A.U. A nova infraestrutura, que supón unha mellora respecto do actual ordenador cuántico Qmio, contará con 32 bits cuánticos e localizarase no futuro edificio do CESGA que se está a construír no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, onde estará instalada e operativa ao longo de 2026.
Este novo equipamento permitirá impulsar o desenvolvemento do ecosistema de computación cuántica e contribuír ao liderado de Galicia neste ámbito, ao tempo que completa a oferta actual do centro, dependente da Xunta de Galicia e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ademais, axudará a manter e reforzar a competitividade dos centros de investigación, dos centros tecnolóxicos e das empresas, tanto no ámbito autonómico como no nacional, ao poñer á súa disposición unha infraestrutura científica punteira que facilite o desenvolvemento dunha investigación efectiva no eido da computación cuántica.
Neste contexto, as tecnoloxías cuánticas permitirán avanzar na resolución de problemas complexos que non poden abordar os computadores tradicionais, acelerar o desenvolvemento doutras tecnoloxías, mellorar a competitividade dos distintos sectores produtivos e contribuír ao benestar social. Por este motivo, Galicia vén apostando de maneira decidida por este ámbito nos últimos anos, co obxectivo de situarse como referente nestas tecnoloxías e, deste xeito, impulsar a ciencia, atraer talento e xerar novas oportunidades para a industria, no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.
Telefónica presentou un proxecto que inclúe un computador cuántico do fabricante europeo IQM, modelo Radiance, con 54 bits cuánticos baseados en supercondutores e deseñado especificamente para a súa integración en contornas de computación de altas prestacións. A este equipamento súmase un computador cuántico adicional, modelo Spark, de cinco bits cuánticos, destinado a accións de formación, probas de concepto e proba de algoritmos. Ademais, a solución proposta por esta firma garante o acceso remoto a infraestruturas equivalentes para os grupos de investigación vinculados ao CESGA desde o momento da sinatura do contrato de adquisición.

Reforzo das capacidades do CESGA

Este orzamento enmárcase nun investimento global de 56 millóns de euros, o maior realizado no CESGA ao longo da súa historia, destinado á construción dun novo edificio e á mellora das súas capacidades mediante a adquisición de novos equipamentos, co obxectivo de convertelo nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito da computación de altas prestacións. Estas actuacións están financiadas con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, así como con fondos propios da Xunta de Galicia.
As novas infraestruturas completaranse coa incorporación dun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que achegará potencia computacional adicional para cubrir, entre outras, as necesidades vinculadas á intelixencia artificial, xunto cun sistema de almacenamento de datos que permitirá albergar grandes volumes de información de maneira permanente e prestar servizos de datos máis avanzados. Esta licitación, publicada de forma simultánea á do ordenador cuántico, aínda está pendente de adxudicación.
O conxunto destas actuacións ten como finalidade reforzar o papel do CESGA como centro de referencia no ámbito nacional e europeo, tanto pola súa capacidade en infraestruturas de computación como polo coñecemento asociado ao seu uso. Así mesmo, o novo edificio e o equipamento previsto permitirán ao CESGA seguir mellorando os servizos que presta, redundando nunha mellora da calidade de vida dos galegos e contribuíndo ao fortalecemento e á ampliación das colaboracións que o centro mantén con empresas tractoras de distintos sectores, das que se derivan avances competitivos relevantes.