Algúns usuarios xa poden empregar a versión de proba de Facebook para Windows 10

martes, 17 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Dende Facebook levan un tempo a traballar nunha aplicación nativa da súa plataforma social para Windows 10, que parece estar a entrar na súa fase final, xa que a súa Beta está dispoñible na tenda de aplicacións do último sistema operativo de Microsoft, aínda que, ao parecer, non todos os usuarios de Facebook poden identificarse con éxito nesta nova ferramenta que permite ver as últimas novas en Facebook, consultar eventos, páxinas e grupos, acceder aos elementos que deixemos gardados para unha posterior lectura e ler as últimas publicacións das páxinas que seguimos, mentres que funcionalidades como as aplicacións de Facebook continúan a levar á súa versión web (como acontece tamén co Facebook Messenger).
Temos así un produto que aínda non está rematado, e que serve de adianto do que será a aplicación final de Facebook, pero do que si dá boa proba é do excelente rendemento que ten esta ferramenta, que resulta moito máis áxil que a versión web de Facebook á hora de moverse polos seus contidos.
Ao parecer esta versión de Facebook só está dispoñible a un reducido número de usuario, co que esperan probar esta ferramenta que promete ser bastante mellor que a aplicación de Facebook oficial que hai até o momento, aínda que só sexa polo feito de que esta nova solución non está dispoñible unicamente en inglés.

PUBLICIDADE