Amazon Underground achega numerosas aplicacións e xogos de Android totalmente de balde

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

A partires de hoxe os usuarios de dispositivos móbil con Android en España poden gozar dunha magnífica oferta de aplicacións e xogos de balde grazas a Amazon, que estrea no noso territorio Underground, unha sección da tenda de aplicacións de Amazon para Android que non se limita a ofrecer títulos a descargar de balde, senón que incluso pon os seus contidos dentro da aplicación a 0 euros, de xeito que pódese gozar dos xogos e aplicacións ao completo, sendo a súa oferta moi superior á simple descarga da aplicación sen custo.
Amazon compensa aos desenvolvedores destas aplicacións en función do tempo de uso que lles dediquen os usuarios, en vez de optar polo modelo de negocio baseado no pagamento previo, o que claramente beneficiará a xogos de grande duración e a aplicacións de utilidade no noso día a día, que verán así como este modelo de negocio pode chegar a ser incluso máis rendible que o tradicional.
En Amazon Underground podemos atopar xogos de grande calidade como Castle of Illusion, Fruit Ninja, Goat Simulator, Monument Valley, BADLAND ou Threes, e aplicacións de produtividade como OfficeSuite Professional 8 ou Polaris Office, de xeito que podemos cargar o noso smartphone cunha boa colección de ferramentas de utilidade e aplicacións para o noso lecer sen gastar un euro e coa tranquilidade de que non teñan custos ocultos.