Amazon veta a venda de adaptadores e cables USB-C inseguros

mércores, 30 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Os comerciantes que ofrecen os seus produtos ao público a través de Amazon teñen agora unha nova restrición, xa que a compañía de venda en liña vén de ampliar a súa listaxe de produtos prohibidos os cables e adaptadores USB-C que non cumpran coas especificacións estándar, ante os numerosos problemas provocados por cables e adaptadores de dubidosa calidade, que non só poderían non funcionar, senón que dadas as características de voltaxe soportado polo novo tipo de conector, chegaron incluso a estragar completamente un portátil Chromebook Pixel.
Un conector USB-C coas conexións internas mal feitas pode estragar practicamente calquera dispositivo electrónico co que se empregue, e non foron poucas as incidencias con portátiles nos que deixan de funcionar os seus portos USB, ou smartphones que quedan inutilizados, de xeito que recomendábase non mercar cables USB-C que fosen especialmente económicos ante o risco que supón o uso de cables que carezan dos pertinentes controis de calidade.
Agora mesmo Amazon dá o mesmo tratamento aos adaptadores USB-C que con cumpran cos estándares que a sistemas anti-copia, bloqueadores de sinais de radio, sistemas sen fíos que funcionen en frecuencias non permitidas ou extensións de cables de corrente que non sexan seguras.