Ampla participación galega no programa europeo para levar a innovación ao transporte
luns, 2 de agosto do 2010
As novas tecnoloxías e o transporte manteñen dende hai anos un completo diálogo, sobre todo en temas relativos á comodidade, á seguridade, á mellora da comunicación dende a estrada e tamén á busca dun meirande respecto co medio. Se o outro día falabamos nesta mesma web do pulo que lle vai dar Gradiant, pola vía tecnolóxico-dixital, á circulación do tráfico na cidade de Vigo, agora toca falar da participación galega no Proxecto Smart para a innovación no sector do transporte en superficie, unha participación que se prevé ampla de abondo. Así nolo confirma a asociación empresarial Ineo, que representará ao sector galego no dito proxecto xunto coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial, entidade da Consellería de Economía. Segundo lembra Ineo, Smart é un programa europeo que ofrece servizos de apoio a pequenas e medianas empresas do transporte para que participen en iniciativas de innovación.
Neste programa-consorcio participan arestora asociacións empresariais, axencias de innovación, empresas de transferencia tecnolóxica e grandes compañías ligadas ao transporte. En representación galega atópase a Fundación para o Fomento da Calidade, que se dedica a involucrar ao meirande número de entidades galegas que estean interesadas en concorrer en proxectos de investigación aplicables ao transporte.
O papel de Ineo no programa é semellante, e así nolo define o seu presidente, Jorge Cebreiros: “Formando parte do proxecto Smart estamos a introducir ao sector TIC galego neste importante proxecto do eido europeo e, ademais, podemos detectar oportunidades de colaboración con empresas e entidades tecnolóxicas de ámbito internacional”.
O vindeiro 21 de outubro, informa Ineo, a asociación organizará un acto de presentación desta iniciativa europea, co fin de expor as oportunidades que lles pode subministrar ás empresas galegas especializadas neste sector tecnolóxico.
