Android Wear pechou 2014 cunhas pobres vendas

xoves, 12 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Ás portas da estrea do Apple Watch os analistas de Canalys publican un informe sobre as vendas de dispositivos con Android Wear, deixando claro que a tecnoloxía de reloxos que promove Google está moi lonxe da adopción masiva, mentres que tecnoloxías máis básicas como os monitores de actividade teñen unha aceptación moi superior. Estamos así ante un punto de inflexión no que espérase que os smartwatches consigan unhas vendas significativas grazas á chegada do Apple Watch, o que podería ter un efecto de arrastre importante en produtos da competencia.
Concretamente aseguran que durante 2014 só se venderon uns 720.000 smartwatches con Android Wear, mentres que as pulseiras de actividade chegaron aos 4,6 millóns de unidades. Entre os dispositivos con Android Wear, o máis representativo sería o Moto 360, que lideraría as vendas claramente, mentres que LG consigue mellorar as vendas neste ámbito tras lanzar o LG G Watch R, que coa súa pantalla circular consegue vender moito máis que o anterior LG G Watch.
O volume de reloxos con Android Wear pode considerarse moi pobre se temos en conta que os reloxos Pebble, dunha compañía independente que conseguiu prosperar a través do micromecenado, superou o millón de unidades vendidas na súa historia (o que suporía que durante 2014 venderon unhas 600.000 unidades).
De todos os xeitos tamén hai que ter en conta que Samsung non está a apoiar decididamente a Android Wear, xa que boa parte dos seus smartwatches funcionan con Tizen, deixando claro que a plataforma de wearables de Google non parece estar o suficientemente madura, e posiblemente non será até dentro de varios meses a súa maduración en reacción ao presumible pulo que suporá Apple para o sector.

PUBLICIDADE