Andy Lees asegura que a semana que vén veremos os móbiles de Nokia con Windows Phone 7.5

xoves, 20 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Durante o evento AsiaD, Andy Lees, presidente da división de Windows Phone de Microsoft, asegurou que o vindeiro 26 de outubro durante o Nokia World 2011 a compañía finlandesa vai dar a coñecer so seus terminais con Windows Phone 7.5, adiantou que están a traballar para que Windows 8 faga posible que todo o que estamos afeitos a facer cun PC poda trasladarse aos tablets, demostrou o xogo de mascotas virtuais Kinectimals correndo en Windows Phone e incluso amosou os terminais HTC Titan, Samsung Focus S e Samsung Focus Flash, dos que podemos ver imaxes no Windows Phone Blog, e que serven de adianto do que serán os móbiles con Mango que veremos nos vindeiros meses.
Estes novos terminais destacan por distintas características, e aínda que do HTC Titan xa temos bastante información, os terminais de Samsung foron unha agradable sorpresa, contando ambos con procesadores a 1,4 GHz e pantallas Super AMOLED de 4,3 polgadas o Focus S e 3,7 polgadas o Focus Flash. Contan con cámaras de 8 e 5 Mpíxeles respectivamente e o Samsung Focus S tamén destaca por un grosor de 8,55 milímetros.

Andy Lees sostendo o HTC Titan e o Samsung Focus S
O HTC Titan, o Samsung Focus S e o Samsung Focus Flash nunha imaxe publicada polo Windows Phone Blog