Appentra, ITMATI, RES e CESGA xuntan forzas para acadar software científico máis rendíbel

luns, 13 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Seguimos dando conta dos acontecementos tecnolóxico-dixitais que nos agardan á volta do verán, reactivando (logo do baixón deste mes de agosto) o panorama galego de investigación conxunta e achados tecnolóxicos impulsados de maneira colectiva. O 26 de setembro agárdanos na sede do CESGA (o Centro de Supercomputación de Galicia) un destes eventos onde se fai fronte común arredor do coñecemento avanzado. Neste caso, arredor da matemática financeira, o fintech e o cálculo de alto rendemento.
O seminario científico Financial Mathematics and Supercomputing está patrocinado pola RES (Rede Española de Supercomputación) e organizado pola firma Appentra (impulsada por investigadores do CITIC), o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e a Universidade da Coruña (UDC).
O obxectivo é sentar os alicerces para dar forma a ferramentas que respondan de cara ao seguinte desafío: mellorar a produtividade, a calidade e a sustentabilidade do software científico no eido da enxeñaría e a ciencia computacional. Ou sexa, no eido dunhas tarefas que non deixan de gañar complexidade a cada segundo, tanto polo medre dos cartafoles financeiros, como pola envergadura crecente dos modelos, como tamén polo número de underlyings, todo posto en xogo para abocar aos investigadores e os seus recursos tecnolóxicos a empregar máis tempo do seu traballo en computación.
Polo tanto, unha das finalidades do seminario é mostrar experiencias actuais de investigadores no ámbito da tecnoloxía financeira, impulsando experiencias novas e poñendo o foco nos retos aos que se enfrontan para que o mantemento e seguimento do software sexa mínimo e e os resultados dos proxectos de I+D, máis rendíbeis.
O seminario será de balde para todos aqueles que queiran asistir, así como a comida. O evento ten unha completa axenda que comezará ás 9:00 e remata ás 17.00 horas. Desenvolverase de maneira simultánea que o CESGAHack 3, a quedada de programadores da que falamos os días pasados dende Código Cero, salientando o seu obxectivo de acelerar, durante cinco días, a execución das aplicacións científicas dos equipos participantes mediante a programación paralela.
Os asistentes ao seminario terán un perfil que oscilará entre estudantes de máster e doutoramento a científicos consolidados. Ademais, as sinerxías xeradas pola celebración do hackathon co-organizado polo CESGA e a devandita empresa Appentra axudarán a aproveitar ao máximo as experiencias de cada xornada de traballo.

PUBLICIDADE