Apple consegue paralizar as vendas europeas do novo Galaxy Tab 10.1

mércores, 10 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Apple conseguiu que un tribunal alemán ditase o cese temporal da distribución do novo modelo do tablet Samsung Galaxy Tab 10.1 (Vodafone estivo a vender a versión anterior durante bastantes semanas) e, aínda que dende Samsung están a traballar para desbloquear a distribución do seu produto, parece ser que durante un mes canda menos vai ser imposible facerse co principal tablet de Samsung ao que acusan de copiar ao iPad.
Lembremos que Apple e Samsung están a cruzar denuncias entre ambas compañías (tanto polo Galaxy Tab como polo Galaxy S), polo que sorprende que de boas a primeiras un tribunal de Düsseldorf accedese ás esixencias de Apple e paralizase a distribución dun produto de Samsung (especialmente polo feito de que a parte prexudicada non participou de ningún xeito no proceso que levou a tal decisión), e a cousa parece non parar aí, senón que hai informacións que apuntan a que Apple tamén está a perseguir medidas semellantes para o Motorola Xoom, o tablet insignia do Android 3.x. Cómpre lembrar que Apple tamén ten multitude de denuncias cruzadas con Motorola por infracción de patentes.
Pode resultar rechamante que Apple estea a loitar contra os competidores do iPad nos tribunais, cando nas tendas non parece ter rival, polo que parece que estamos máis ante un ataque preventivo, para evitar éxitos futuros por parte dos seus competidores.