Apple lanza unha nova versión de Final Cut Express

venres, 16 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Apple lanzou onte o Final Cut Express 4, unha nova versión da aplicación de edición de vídeo baseada en Final Cut Pro 6 (e versión profesional) de xeito que se consolida como unha solución de tratamento de vídeo de baixo prezo (199 dólares) soportando as últimas prestacións como as cámaras de alta definición con compresión AVCHD, así como permitindo a importación de proxectos de iMovie ’08.
A nova aplicación pretende axudar a que calquera usuario se introduza na comunidade de editores de Final Cut a nivel mundial, de xeito que poderán editar material gravados en DV, HDV e AVCHD en tempo real soportando a alta definición tanto en 720 liñas en progresivo coma en 1.080 liñas entrelazadas.
O Final Cut Express 4 tamén inclúe 50 novos filtros de FxPlug, coma Soft Focus, Vignette e Light Rays, aínda que se agarda que nos vindeiros meses se incremente a oferta de filtros grazas a comunidade de desenvolvemento ó redor desta plataforma. Tamén se optimiza o tratamento do son, permitindo elevar o volume ata un nivel máximo sen distorsión grazas a novos filtros de normalización suave e de control de ganancia.
Para a creación de títulos animados e dinámicos, a nova versión de Final Cut Express inclúe LiveType 2, que incorpora unha biblioteca moi ampla de tipografías animadas, texturas, moldes e efectos.