Apple presenta novas versións dos seus iPod

xoves, 6 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Apple celebrou este mércores un encontro presentado por Steve Jobs no que se amosaron os novos reprodutores multimedia iPod, que melloran as súas prestacións de maior ou menor importancia. Así, o iPod shuffle estrea cor vermella, o iPod nano inclúe unha pantalla de 2 polgadas para abrirse á reprodución de vídeo, o iPod classic é o nome co que rebautizan ó iPod para aumentar a súa capacidade de disco ata os 160 Gb e o iPod Touch sería a grande novidade da xornada, de xeito que se converte no reprodutor multimedia máis desexado do momento, xa que se trata dun iPhone sen teléfono, ou sexa, un reprodutor cunha pantalla multi-táctil de 3,5 polgadas dende a que podemos acceder a cancións, fotografías, vídeo e páxinas web.
Tamén o teléfono de Apple anunciou unha baixada no seu prezo, e a empresa de Steve Jobs anunciou a apertura da súa tenda virtual de música ós usuarios que se conecten a través de Wi-Fi dende o seu iPhone ou iPod Touch.
Para achegar máis detalles sobre cada unha das novidades de Apple recomendamos a lectura dos seguintes artigos:
· O iPod shuffle estrea un modelo vermello
· O iPod nano engorda para incluír unha pantalla de 2 polgadas
· O iPod convértese nun clásico e incrementa a súa capacidade de almacenamento
· O iPod Touch lánzase coma un iPhone sen teléfono
· O iPhone reduce o seu prezo en 200 dólares