Apple presenta novos smartphones e un smartwatch
martes, 9 de setembro do 2014
Hoxe foi un día moi importante para o sector tecnolóxico, xa que Apple celebrou a súa agardada keynote no Flint Center de Cupertino, nun evento que abriu directamente presentando os novos iPhone 6 e iPhone 6 Plus, produtos estrela que buscan ser o motor da compañía para os vindeiros meses, e que ao adoptar un maior tamaño de pantalla suporán tamén un reto para os desenvolvedores. Deste xeito vemos como o cambio de rumbo de Apple para atender ás demandas dos consumidores en vez de insistir en políticas internas repítese (como cando presentaron o iPad mini), deixando claro que Tim Cook leva a compañía dun xeito moi diferente a como facía Steve Jobs.
Apple Pay
Un dos detalles que Apple resistíase a integrar no iPhone, a tecnoloxía NFC,
chega finalmente ao iPhone 6, e Apple non parece querer empregar esta
tecnoloxía para facer doada a sincronización de dispositivos, senón para unha
funcionalidade moi espallada polos mercados asiáticos, como é o pagamento móbil
mediante contacto. Presentou así Apple
Pay, un servizo que facilitará os pagamentos con tarxeta mediante o móbil,
que permitiría autorizar un pagamento con só tocar un TPV co smartphone.
Esta tecnoloxía de pagamento comezará a empregarse en outubro nos EE.UU., e
parece que tardaremos bastante en vela en Europa en establecementos físicos,
aínda que si é posible que poidamos aproveitala en aplicacións, onde combina
coa tecnoloxía de Touch ID para autorizar compras in-app. Polo momento Apple xa pechou acordos con Visa, MasterCard e
American Express, polo que Apple Pay sería compatible coa meirande parte das
tarxetas bancaria (pechando tamén numerosos acordos con entidades bancarias
para poder operar coas súas tarxetas de débito) e entre as tendas que comezarán
a aceptar este sistema de pagamento estarían compañías como Nike, McDonalds,
Toys R Us, Subway, Bloomingdale’s ou incluso os parques de atraccións de
Disney, mentres que entre as aplicacións que aceptarán este sistema de
pagamentos podemos destacar a Groupon, Starbucks e mesmo a Uber.
One more thing
Tras estes anuncios, Tim Cook quixo anunciar “One more thing”, un importante
anuncio que distou de ser o peche do evento, para converterse nunha parte
central bastante destacable, pois o produto presentado era unha completa
novidade: o Apple
Watch. Por fin Apple atrévese a entrar no mercado dos wearables, no que aínda hai moito espazo para a innovación.
Pero o reloxo non foi o peche da keynote,
senón que quixeron despedirse cunha actuación en vivo de U2, grupo que quixo aproveitar a ocasión para bater todo un record mundial ao permitir a descarga de
balde do seu novo álbum, Songs of
Innocence, a través de iTunes, de xeito que máis de 500 millóns de clientes
da tenda de descargas de Apple tería acceso ao disco no día do seu lanzamento.
O novo álbum de U2 pode descargarse dende iTunes ou directamente dende a
aplicación de Música dos dispositivos con iOS, xa que se engadiu directamente á
biblioteca dos usuarios de iTunes.
- U2 actuou en directo durante a keynote da pasada tarde
- O último disco de U2 pode descargarse de balde a través de iTunes
Vídeo promocional da iniciativa conxunta entre Apple e U2