Archos lidera as vendas de tablets de menos de 400 euros

venres, 17 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos meses temos falado de tablets como o ARCHOS 70b IT Gen 9 e o ARCHOS 80 G9, que destacaban polas súas elevadas prestacións a prezos contidos (199,99 e 249,99 euros respectivamente), e vese que tal estratexia está a funcionarlle ben ao fabricante francés, que incrementou os seus ingresos durante 2011 un 106% e conseguiu colocarse nunha posición líder en Europa no mercado dos tablets de menos de 400 euros. Archos conseguiría así un empate técnico con Samsung, quedando estes dous fabricantes moi por diante do resto (Asus, Acer, Motorola, Toshiba, LG, Huawei, ZTE e HTC).
A compañía con sede en París deu prioridade á distribución dos seus produtos en Europa e Asia, o que parece ter dado os seus froitos, para desesperación do público norteamericano, que desexaba facerse con algúns dos tablets que mencionamos antes.
Temos así que Archos facturou en 2011 un total de 171,4 millóns de euros, dos que 117,9 corresponderían ao mercado europeo, 24,9 ao asiático (que experimentou un crecemento interanual do 464%) e 28,6 aos Estados Unidos. De falarmos de cota de mercado no sector dos tablets de menos de 400 euros, a compañía francesa conseguiría vender o 24% dos dispositivos, e demostrou que a súa aposta por Android foi todo un acerto.