Arredor de 1.500 persoas visitaron a cuarta edición da Arousa Party

xoves, 19 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Co bo tempo, van chegando de novo os encontros dixitais para a mocidade. Sen ir máis lonxe, a pasada fin de semana celebrouse en Vilanova de Arousa un dos de meirande proxección de cantos encontros baixo teito se celebran na nosa terra: a Arousa Party. A xuntanza, que se desenvolveu do venres 13 ao domingo 15 no Pavillón de Deportes da localidade pontevedresa, contou de novo coa Asociación de Internautas das Rías Baixas Galegas (AIRBAG) en labores de organización. A idea dos responsables da party, unha vez máis (e xa van tres convocatorias), foi a de ofrecer un escenario equipado ata no máis mínimo detalle para o intercambio de coñecemento arredor do dixital. Neste senso, indica a organización, as cifras acadadas foron do máis positivo: repartíronse un total de doce consolas en premios (Wii, Xbox 360 e máis Nintendo DS) para os participantes dos torneos de videoxogos (Counter Strike, Need for Speed e Pro Evolution Soccer) e, a maiores, conseguiuse atraer ao Pavillón de Deportes de Vilanova a arredor de 1.500 persoas de todas as idades (non só mozos, teoricamente principais interesados en todo o que teña que ver coas redes e as consolas).
A party, que tamén deu acubillo a concursos non directamente vinculados ao dixital, como por exemplo xogos de bolos, fútbol ou Singstar, contou tamén cun importante número de asistentes-participantes oficiais: arredor dun centenar de mozos e mozas. Por certo que a iniciativa contou para chegar a bo porto co apoio de Caixanova, o Concello de Vilanova ou a Deputación de Pontevedra. Segundo sinalan os organizadores do evento e logo dos froitos acadados, todo indica a que por estas datas, o vindeiro ano, estarase a celebrar a cuarta edición da Arousa Party.