Arredor de 50 profesionais participan na xornada de certificacións de AGESTIC

martes, 30 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

No eido tecnolóxico-dixital, coma en calquera outro (ou se cadra máis que en algúns) non abonda con dicir que fas ben as cousas. Cómpre demostralo. Precisamente na liña de informar sobre métodos que certifiquen a calidade das nosas empresas do sector TIC é onde se insire a xornada profesional que está a celebrar hoxe no Centro ON de Caixa Galicia. O encontro, organizado por AGESTIC, leva por título Seminario ISO 20000 para empresas TIC. O seu obxectivo, segundo informa a asociación empresarial galega, é amosarlles ás “empresas como a certificación ISO 20000 pode axudar na xestión e na produtividade e facer que os departamentos de TI se convertan na columna vertebral das compañías”.
Esta norma, sinala AGESTIC, asegura a xestión da calidade no eido dos servizos ligados ás tecnoloxías da información. No seminario, que é gratuíto, están a participar arredor de 50 profesionais.
Por certo que ao longo do acto, que deu comezo ás 10:30 horas, entregaranse as acreditacións de AENOR ás 15 empresas que participaron no proxecto 2009-2010. A xornada contará no acto de clausura coa presenza do presidente de AENOR España, Manuel López Cachero e do subdirector xeral da SXMIT, Jaime Barros Leboreiro.
O programa inclúe o relatorio da consultora START UP, Milenka Macdowall e o de Jaime Barros Leboreiro, subdirector xeral de Calidade, Interop, entre outros.

PUBLICIDADE