As Xornadas Tecnolóxicas R abordaron as preocupacións da empresa sobre a IA
xoves, 10 de outubro do 2024
Un importante número de representantes do sector empresarial galego acompañaron esta mañá aos profesionais do operador de telecomunicacións R na súa cita no restaurante Árbore da Veira no Miradoiro de San Pedro na Coruña onde se celebrou unha nova edición das Xornadas Tecnolóxicas R, que desta volta tiveron como título Intelixencias, en clara referencia á intelixencia artificial, que tanto está a afectar ás nosas vidas e ante a que as empresas teñen que adoptar posicións de cara ao seu futuro.
O encontro estivo presidido por Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, quen abriu este encontro que buscaba achegar as chaves para abordar o mañá coa información precisa para superar retos e construír unha sociedade máis avanzada, madura e preparada a todos os niveis.
Un dos pratos fortes das Xornadas Tecnolóxicas R deste ano foi a intervención de Joaquín Almunia, exministro e exvicepresidente da Comisión Europea, quen quixo interpretar e valorar «as mudanzas que nun futuro próximo viviremos nun escenario económico e xeopolítico global salientando, á súa vez, o impacto que estas alteracións van implicar para as nosas organizacións e empresas». Tamén debullou os desafíos que marcarán a axenda internacional.
Non foi menos intensa a intervención do catedrático e membro do consello asesor de IA da AMTEGA, Andrés Pedreño, quen acompañado polo director de servizos dixitais de R, Francisco Huidobro, abordou a revolución que supón a integración da intelixencia artificial en todas as funcións empresariais. Asegura que a IA xogará un rol fundamental para o incremento da nosa produtividade, polo que hai que apostar decididamente por ela, especialmente no ámbito da empresa.
Como novidade, nesta edición das Xornadas realizouse entrega do premio aleluIA, que serviu para recoñecer e homenaxear o século de historia da empresa ourensá de automoción Pérez Rumbao, na que a industrialización e os avances tecnolóxicos desempeñaron sempre un papel fundamental.
- Pérez Rumbao recibiu o primeiro premio aleluIA no marco das Xornadas
Vídeo proxectado durante o encontro antes da entrega do premio aleluIA