As actividades presenciais de Pont-Up Store terán lugar en primavera
luns, 2 de novembro do 2020
Tras realizar en setembro parte do seu programa en liña, Pont-Up Store non renuncia a levar o
emprendemento galego ás rúas da cidade de Pontevedra, e manter así un dos seus
principais sinais de identidade ao longo dos seus sete anos de traxectoria.
Para facelo, terá que agardar a unha situación máis segura e apunta á vindeira primavera
como posible data para celebrar a edición presencial. A carpa instalarase como
de costume na Praza de España para mostrar os emprendementos de 46 startups
galegas.
Esta decisión foi tomada tras valorar a situación coas
entidades que apoian o evento, que decidiron manter os apoios necesarios para
financiar a continuidade das actividades deste encontro que a día de hoxe é un
dos grandes referentes do ámbito do emprendemento no noroeste peninsular. En
concreto, a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra
manifestou o seu respaldo económico para desenvolver e reforzar o programa
desta edición, e anunciou que no mes de xaneiro estudará como apoiar e desenvolver
a 8º edición prevista para setembro de 2021.
O director de Pont-Up Store, Pedro Figueroa, manifestou a
necesidade de «seguir
apostando por levar o emprendemento á rúa e por seguir ofrecendo apoio e
visibilidade aos emprendementos galegos, que agora precisan máis que nunca do
magnífico escaparate que lles ofrece o Pont-Up Store onde poden probar as súas
iniciativas, ter contacto directo co público e establecer relacións con
posibles proveedores e colaboradores». Figueroa engadiu que este encontro xa
tiña iniciado o camiño cara unha nova fase antes da pandemia e agora, «queremos
acelerar ese proceso para facer do Pont-Up Store un contedor de accións
relacionadas co ecosistema emprendedor que vai programar actividades durante
todo o ano».
O Pont-Up Exprés celebrarase en liña en novembro
Figueroa avanzou que están a traballar para transformar o formato
Talent Business Pont-Up Exprés, nun evento en liña que se celebrará o vindeiro
19 de novembro entre as 19:30 e as 20:30 horas. A sesión será retransmitida a
partir dun plató virtual onde 8 startups galegas presentarán en 5 minutos o seu
emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas.
Nesta edición contarán con Margarita Hermo Figueira, directora da Asociación
Galega de Empresa Familiar e responsable de Relacións Institucionais da
corporación empresarial conserveira Jealsa; Emilio Bruquetas Serantes, director
xeral do grupo enerxético galego Reganosa Holdco; Ángel González Calvo,
Presidente executivo da compañía internacional especializada en iluminación,
sinalización e mobiliario urbano, SETGA que xunto coa carta escoitante,
Virginia Pozo Castro, fundadora, CEO e directora creativa da firma de moda
internacional Coosy, representan a internacionalización de empresas con base e
orixe en Pontevedra. Ao igual que o ano pasado, as presentacións serán abertas
ao público e haberá tempo para a réplica por parte das persoas escoitantes.
Pedro Figueroa convidou ao público a seguir esta
actividade a través da Internet, e lembrou que a web do encontro, totalmente
renovada, está funcionando como repositorio de contidos onde é posible
consultar información de todas as sesións en liña celebradas ata agora, e moita
outra información de interese para os novos emprendementos.
