As nosas empresas innovadoras mostran os seus servizos revolucionarios nunha xornada do Cluster TIC

xoves, 12 de abril do 2018 Redacción

O Cluster TIC Galicia, en colaboración co IGAPE, celebrará o 19 de abril unha xornada para dar a coñecer novos produtos innovadores do sector tecnolóxico en Galicia. O evento celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, a partir das 9:30 horas, contando a sesión de apertura coa presenza de Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE, e de Antonio Rodríguez, presidente do Cluster TIC Galicia. A empresa viguesa Xesol Innovation (centrada na condución segura e intelixente e responsábel dun asistente de condución intelixente que achega máis ángulos de visión aumentada da contorna do automóbil) será a encargada de abrir o encontro co relatorio O coche do futuro: tecnoloxía para unha nova automoción.
Tras a súa intervención, a empresa de desenvolvemento de software Tecalis, con sede no Milladoiro (Ames) explicará os últimos avances na aplicación do blockchain ao mundo das transaccións. Logo, o director do IGAPE, Juan Cividanes, moderará a rolda de presentación de produtos innovadores, na que se mostrarán servizos e solucións concretas como a tecnoloxía de xeolocalización en interiores de Situm, a plataforma de gamifación Dogoplay de Cleventy, a plataforma de intelixencia nos negocios Obsidian de Ozona, a tecnoloxía de retransmisións multipantalla de Cinfo, a plataforma cocoERP Alimentación de AVA e a plataforma para xuntanzas virtuais e presenciais con validez legal de Councilbox. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, será o encargado de clausurar o evento. Está prevista a asistencia de grandes clientes potenciais e investidores privados.

PUBLICIDADE