As novas tecnoloxías, piar básico da cuarta edición de Innterconecta

xoves, 12 de maio do 2016 Redacción

Hoxe celebrouse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a presentación da cuarta edición do programa FEDER Innterconecta. No acto participou o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, que salientou que esta iniciativa permitirá á Xunta, a través destas axudas que xestiona o Centro Tecnolóxico Industrial (CDTI), “liderar proxectos innovadores en Galicia”. O novo Innterconecta está enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente, RIS 3; e no novo Plan de Actuación Xunta-CDTI. Ten como finalidade fomentar a cooperación en I+D entre comunidades mediante o desenvolvemento de novas tecnoloxías con proxección económica e comercial a nivel internacional.
A nosa é unha das seis comunidades participantes nesta nova convocatoria. Para esta, o CDTI mobilizará 50 millóns de euros para financiar durante o período 2016-2018 proxectos tecnolóxicos nos que participen consorcios empresariais.
As solicitudes para obter as axudas realizaranse a través da sede electrónica do CDTI (sede.cdti.gob.es). O prazo finalizará o 20 de xuño. Os proxectos poden responder a diferentes temáticas: saúde, cambio demográfico e benestar; seguridade e calidade alimentarias, actividade agraria e produtiva e sustentábel, recursos naturais, investigación mariña e marítima; enerxía segura, eficiente e limpa; transporte intelixente, sustentábel e integrado; acción sobre o cambio climático e eficiencia na utilización de recursos e materias primas; cambios e innovacións sociais; economía e sociedade dixital; e seguridade, protección e defensa.
A terceira edición do Innterconecta suma 144 empresas galegas, que participan en 67 proxectos innovadores que promoven o avance de Galicia en eidos como o agroalimentario, as novas tecnoloxías (TIC) ou o motor. Segundo fixo saber o director de GAIN, “Galicia captou o 40% dos fondos totais para España, sendo a segunda comunidade, despois de Andalucía, con maior número de proxectos aprobados e liderados”. Nas tres convocatorias anteriores do Innterconecta participaron un total de 172 proxectos na comunidade galega. Esta nova edición súmase a outros programas de innovación cos que conta a Xunta, como Conecta PEMES, que permiten traballar de forma conxunta a empresas, universidades e centros tecnolóxicos.

PUBLICIDADE