As posibilidades da TDT local na nosa terra, a debate en Santiago

xoves, 3 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A TDT entrou definitivamente (xa entrara antes, pero non con apagamento analóxico incluído) na nosa terra pola Fonsagrada e, malia as respostas e vantaxes que achega esta tecnoloxías, son moitas as preguntas que nos podemos facer sobre ela e con respecto ás nosas circunstancias empresarias, sociais, culturais e mesmo xeográficas.
Falar diso, e máis concretamente dunha estratexia común para as canles galegas locais, será o obxectivo do foro de colaboración que se celebra este venres en Santiago e que organiza o Clúster Audiovisual Galego, CLAG.
O encontro, que será inaugurado ás 10.00 horas no Hotel Araguaney polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, e máis polo presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, incluirá unha serie de debates sobre experiencias de desenvolvemento da televisión dixital a nivel de localidades en Cataluña e Andalucía e (tamén) sobre as perspectivas da TDT no eido local a curto e medio prazo en Galiza.
A xuntanza, amais de representantes do eido público, contará con representantes dalgún dos principais medios informativos da nosa terra e de empresas de solucións tecnolóxicas vinculadas á TDT, como por exemplo Tecnocom, Fynet Solutions, Vitelsa Noroeste e Correo TV.