As posibilidades da computación como combustible das empresas, a debate en Santiago

luns, 11 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Xa o dicían os organizadores da mostra sobre computación da que falabamos a semana pasada: sen os números, non se entendería a revolución tecnolóxica e da información que vivimos hoxe. De feito, mesmo se pode dicir que nin sequera tería existido, como tampouco tería existido o progreso económico tal e como o coñecemos. Tendo en conta isto, case é natural pensar que cando máis se optimicen certas operacións de cálculo, mellor funcionará o tecido económico e empresarial dun país.
Disto, de tirar partido da computación ó servizo dunha actividade de mercado, é do que tratan as xornadas que acolle esta semana o Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago.
Estes encontros, que se desenvolverán ata o mércores 13 baixo o título Xornadas de Consulta Matemática para Empresas e Institucións, están organizadas polo nodo Cesga do proxecto Ingenio Mathematica e a Red de Mathematica Consulting & Computing de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia e as Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.
Máis polo miúdo, os obxectivos da xuntanza son os seguintes: promover as matemáticas no eido empresarial e institucional e crear novos espazos de colaboración para investigadores e profesionais do sector privado. Nas actividades de hoxe luns están a participar –entre outros- Alfredo Bermúdez (mestre de Matemática Aplicada da USC), Aureli Alabert (da Universidade Autónoma de Barcelona) ou Fernando Varas (técnico do Centro de Supercomputación de Galicia). A idea é que os días 12 e 13 febreiro sirvan para a distribución dos participantes en grupos de traballo e para unha achega máis detallada de formación práctica.