As producións virtuais en tempo real e a IA serán os eixes da vindeira edición de Mundos Digitales
martes, 18 de xuño do 2024
O congreso internacional Mundos Digitales regresa á cidade da Coruña do 4 ao 6 de xullo, convertendo as instalacións de PALEXCO no epicentro da animación, os efectos visuais e novos media a través dun intenso programa de actividades. Destacados profesionais de numerosos países daranse cita nesta 22ª edición do encontro, que este ano porá o foco na chegada das producións virtuais en tempo real, ademais de continuar afondado nas aplicacións da Intelixencia Artificial.
A organización detallou os contidos de 2024 na presentación celebrada hoxe no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, onde o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo fincapé na “fazaña” que supón manter durante máis de dúas décadas un proxecto “que nos prestixia como territorio cultural, nos sitúa á fronte da innovación tecnolóxica aplicada ao audiovisual e transmite a imaxe dunha Galicia moderna, competitiva e con capacidade de concitar o capital humano máis punteiro deste ámbito”.
O concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, interveu na presentación e destacou a traxectoria do evento como precursor da consolidación da Coruña como líder tecnolóxico: "Moito antes de que se falase da relación do audiovisual coas tecnoloxías, e moito antes de que se falase da intelixencia artificial, Mundos Digitales foi capaz de ver as capacidades da nosa cidade e situarnos como referente".
Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña, destacou a importancia do sector audiovisual para a nosa comunidade e fixo fincapé nos dous grandes proxectos que a Deputación está a impulsar neste eido: o Coruña Estudio Inmersivo e o Ames LAB.
Na rolda de presentación tamén interveu Manuel Meijide, director de Mundos Digitales; detallando o programa do evento, así como da xa tradicional Feira de Emprego, actividade que se afianzou como unha das máis relevantes do encontro, e que está consolidada como a feira de emprego máis grande de Europa por número de empresas participantes.
Programación desta nova edición
Mundos Digitales contará con algúns dos profesionais máis prestixiosos do sector a nivel internacional, entre os que destaca o Premio Especial, o vicepresidente de Industrial Light & Magic, Rob Bredow, a maior personalidade no sector dos efectos visuais e produción virtual e responsable do deseño e creación dos xa famosos estudios Mandalorian, e que a nosa cidade contará proximamente co máis avanzado e completo estudio de produción virtual do país.
Outra das grandes personalidades que estarán presentes nesta nova edición do congreso é Bill Polson, director de tecnoloxía de Technicolor Group, un dos grandes grupos internacionais de creación de contidos, no que se inclúen, entre outros, os estudios MPC ou Mikros Animation.
Coa produción virtual como eixe central dos contidos nesta edición, supervisores, directores e responsables dos principais estudios nacionais e internacionais, compartirán experiencias, proxectos e coñecementos a través de numerosas presentacións, clases mestras e encontros sectoriais reducidos, nos que se abordarán todos os aspectos tecnolóxicos e de desenvolvemento desta nova forma de rodaxe.
A intelixencia artificial terá tamén un lugar destacado, contando con relatores como Jesús Serrano, Principal Program Manager de Microsoft, que explicará como a IA pode axudar os artistas a fomentar a súa creatividade. Tamén coa presentación en primicia para Mundos Digitales de AI Assemble, unha iniciativa de agrupación de empresas, laboratorios, profesionais e institucións vinculadas á investigación, desenvolvemento e implementación da intelixencia artificial en contextos de alta especialización científica, para o deseño e divulgación dunha estratexia sobre a aplicación da IA desde diversas perspectivas destacando o contexto das industrias creativas dixitais.
A animación e os efectos visuais seguirán moi presentes nesta nova edición, e contaremos con presentacións de proxectos como Indiana Jones y el dial del destino, da compañía de referencia de efectos visuais a nivel mundial como é Industrial Light & Magic, La Sociedad da la nieve, a superprodución de Netflix que bateu todos os récords de reprodución na súa plataforma a nivel mundial, ou Robot Dreams, película de animación finalista dos Oscars deste ano, e cuxa produción é integramente española.
Imaxe da edición
Ademais, e como xa vén sendo tradición, cada ano Mundos Digitales vincúlase cunha destacada produción que acompañará o evento como imaxe do mesmo. Nesta ocasión, será El fantasma de la Quinta unha coprodución de Illusorium Films e Martirio Films.
Trátase dun proxecto que narra os últimos momentos do xenio Francisco de Goya, cando decide retirarse a vivir os seus últimos anos afastado da corte. Ao caer enfermo na súa nova casa, Goya é perseguido polas pantasmas do seu pasado. Castigado pola súa presenza e nun decadente estado de saúde, Goya pinta as pinturas negras como último recurso para desfacerse dos demos que conviven con el, pagando para iso o prezo da súa cordura e, case, o da súa vida.
Inspirados polo terror gótico de Poe e o cinema de terror do autor de A24, esta produción dirixida por James A. Castillo contará coa participación de Maribel Verdú poñendo a súa voz á Quinta del Sordo, e Nico Casal, pianista e compositor galego para a Composición Musical.
Talento galego
En canto á programación desta 22ª edición de Mundos Digitales, referiuse especialmente á participación das empresas galegas emerxentes na súa feira do emprego, a maior do seu ámbito en Europa respecto ao número de entidades inscritas, así como á presenza do audiovisual galego coas curtas Yo voy conmigo, de Chelo Loureiro, e Cafunè, de Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares, que optan ao premio á mellor curtametraxe nacional do Festival Internacional de Animación.
Como en edicións anteriores, o encontro acollerá presentacións en exclusiva, clases maxistrais e reunións sectoriais arredor de diferentes ámbitos da creación dixital en animación, efectos visuais ou videoxogos. Ademais, este ano recupéranse como eixos temáticos destacados a intelixencia artificial e as producións virtuais en tempo real, chamadas a cambiar o xeito de crear contidos a través da converxencia en rodaxe de imaxe real e virtual coa incorporación de escenarios tridimensionais e de personaxes virtuais 4D.