As startups galegas mostran o seu potencial innovador e creativo en Pontevedra esta fin de semana

venres, 29 de setembro do 2023 Redacción

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no acto inaugural da feira de emprendemento Pont-Up Store, que este ano acada a súa décima edición e se celebra na praza de España de Pontevedra até mañá. O evento xorde froito da cooperación de máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais durante uns días.
Na edición deste ano participan 32 entidades que exhiben o seu emprendemento en expositores gratuítos que están dispoñibles durante os dous días. Entre as mesmas está representada a economía social galega, polo seu peso no emprendemento e na posta en marcha de iniciativas de proximidade que xeran emprego de calidade, destacou o secretario xeral.
Durante esta primeira xornada, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebrará no recinto unha sesión informativa sobre o seu programa Emega, de impulso á iniciativa empresarial feminina. Despois de 27 anos de traxectoria, o Goberno galego consolida con esta iniciativa o seu apoio ao talento e ao liderado feminino, e segue a situar a Galicia como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.

PUBLICIDADE