As tecnoloxías, protagonistas dos novos proxectos do coworking boirense Lab Barbanza
mércores, 22 de maio do 2024
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, visitou este 22 de maio pola mañá o Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira para coñecer aos novos coworkers instalados no Lab Barbanza.
Entre estas novas empresas, moi comprometidas coa tecnoloxía, destacan unha nova firma innovadora orientada a mellorar os procesos industriais e de cultivo: mediante un sistema de captura de datos conseguen ofrecer solucións innovadoras que permiten integrar a perspectiva sostíbel optimizando prácticas no agro, na xestión dos recursos hídricos e a conservación de ecosistemas mariños.
Outra das iniciativas vai levar a cabo un proxecto que busca aproveitar as algas que chegan á nosa costa e transformalas para ser utilizadas como, por exemplo, fertilizantes. Trátase dun proxecto empresarial de economía circular que busca un uso do argazo que se retira da praia.
A terceira das novas empresas que xa desenvolve a súa actividade no Lab Barbanza busca optimizar a mercadotecnia analóxica (o marketing off-line) a través da utilización creativa de fachadas, baixos e elementos urbanos como soportes publicitarios.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, deu ás e aos responsábeis destes proxectos a benvida ao espazo e animounas/os a que aproveiten a oportunidade de poder desenvolver a súa actividade empresarial no centro: “A xeración de emprego é un dos piares fundamentais deste Goberno pois consideramos que o crecemento económico dun municipio vén de man das empresas, por iso apostamos pola formación, o emprego e o emprendemento, tres aspectos que se materializan neste centro”.
Estas empresas súmanse a outras que xa viñan desenvolvendo a súa actividade no Lab Barbanza, un espazo coworking que forma parte da Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. As solicitudes para formar parte do espazo están abertas e poden facerse presentando a correspondente solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Boiro.