As tendas BEEP venden en España os Classmate PC de ECS

mércores, 2 de xullo do 2008 Marcus Fernández

O equipo parece así no último catálogo de BEEP

O principal competidor directo do portátil XO-1 do proxecto OLPC, o Intel Classmate PC, chegou silenciosamente a España, e non mediante a súa aplicación educativa, senón vendéndose directamente en tendas, podéndose ver no último catálogo de BEEP un destes equipos, nesta ocasión fabricado pola empresa taiwanesa Elitegroup Computer Systems.
O equipo á venda, o L10-ECS50, resulta ideal para cativos, tanto polo seu reducido tamaño como pola súa resistencia física. Funciona cun procesador Intel Celeron M a 900 MHz, ten un disco duro de 30 Gb, unha pantalla de 9 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, webcam e Wi-Fi a un prezo de 329 euros.
Esta encarnación do Classmate PC presentouse en varias versións durante a pasada edición do Computex de Taipei a finais de maio.