As tres universidades galegas adhírense á comunidade en liña iBridge Network

venres, 7 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Non abonda con facer investigación, cómpre amosala en todo detalle, divulgala e poñela, se cómpre facelo, a disposición do tecido produtivo, tendendo pontes. Disto trata, en boa medida, a rede iBridge Network, un tecido internacional integrado por 135 organizacións universitarias e case 7.000 membros, onde se dá acubillo a máis de 15.000 fichas informativas que abranguen tódolos eidos do coñecemento, incluída a informática, a nanotecnoloxía, a seguridade, o medio ambiente ou a enerxía. Pois ben, segundo se nos conta hoxe na Internet, esta macropalestra mundial da I+D conta con tres novos integrantes: as tres universidades galegas.
Por certo que estas institucións educativas son as primeiras do seu ámbito, no territorio estala, que entran a formar parte da comunidade en liña. A integración contou co apoio da Dirección Xeral de I+D.
Os compromisos e obxectivos adoptados da adhesión déronse a coñecer, polo miúdo, nun acto celebrado na Cidade Tecnolóxica de Vigo, onde un nutrido grupo de docentes, investigadores e persoal de administración e servizo da Universidade puideron coñecer esta rede e as súas ferramentas para compartir coñecementos cos principais centros de investigación e transferencia internacional.
Segundo informa a Universidade de Vigo dende a súa web, a iniciativa iBridge Network naceu en 2007 como un proxecto piloto no que participaban sete universidades de EE UU. Catro anos despois, hoxe en día, preséntase como “unha dinámica comunidade en liña que permite difundir e buscar resultados de investigación, coñecementos e ideas xeradas polos investigadores das universidades e os centros de I+D de todo o mundo”. Trátase ademais dunha rede sen arela de lucro, accesible e transparente, moi achegada ao mundo empresarial, facendo fincapé no que dixemos ao comezo deste artigo; na clara importancia de tender pontes entre o que fan os investigadores das universidades e os integrantes do tecido produtivo mundial.