ata dous milleiros de persoas pasarán estes días pola gran feira de inventos galega: Galiciencia

xoves, 21 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Comezou en Ourense Galiciencia e para quen queira unha chuvia de inventos e de aparellos xurdidos directamente do maxín máis desbordante da nosa rapazada, vaina ter. E moitos, case todos eles, co engadido de achegar utilidade e proxección de futuro. Ou sexa, que non se trata de presentar cousas que poden chamar a atención dos asistentes polo rechamantes e orixinais que son, senón de cousas que son rechamantes, orixinais e de utilidade. Calquera visitante que acuda estes días estará en disposición de facerse a seguinte pregunta ante as cousas que terá diante: Como non se me ocorrera a min isto antes?
Para facérmonos unha idea, podemos atopar dende un sistema anti-kamikaze para autoestradas baseado en sinais luminosos creado por estudantes de Lugo ata un método para obter pegadas que facilitará o traballo dos CSI descuberto por rapazas de Ferrol; pasando por un sistema de rego en desertos mediante cueiros usados ideado por estudantes de Vigo. O evento estase a retransmitir en parte por Internet: hoxe mesmo achegarase en liña un espectáculo científico que somete a exame os poderes dos superheroes. En Galiciencia concorren medio cento de enxeños e proxectos de investigación procedentes das catro provincias galegas e achegados por estudantes de Secundaria e Formación Profesional. A feira está emprazada na carpa que Tecnópole (organizadora do evento) ten en Ourense. Calcúlase que arredor de 2.000 escolares visiten ata este venres a que sen dúbida é a maior feira científica de Galicia. Cómpre subliñar que o evento é de entrada libre.
En total están sendo expostos 16 proxectos de colexios de Ourense, 12 de Vigo, 4 de Pontevedra, 2 de Lugo, 2 de Ribadeo, 2 de Ferrol, 2 de Narón, 2 de Cambre, 1 de Santiago e 5 de Barcelona. Entre eles figuran varios realizados polos equipos participantes nas Aulas Tecnópole, un proxecto piloto de adestramento en habilidades innovadoras promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia.
Xunto cos enxeños, que inclúen tamén unha luz de salvamento de baixo custo fabricada a partir do flash dunha cámara de fotos dun só uso, un perfume ecolóxico ou unha pantalla táctil elaborada con materiais caseiros, preséntanse múltiples estudos e proxectos científicos sobre áreas de coñecemento moi variadas. Segundo apunta a Tecnópole, a alimentación volve ser un dos temas estrela este ano: “Por exemplo, dúas alumnas de Ourense experimentaron con novas receitas de hamburguesas máis saudables combinando a carne con todo tipo de vexetais e froitas (dende cenoria ata acelgas e plátano) e logo déronas a probar a un grupo amplo de persoas, que foron unánimes ao decantarse pola versión con coliflor”.
Asemade, a proposta de sistemas enerxéticos máis sostibles e ecolóxicos é o tema central de varios dos proxectos: “Ao aeroxerador de hidróxeno como combustible para coches construído por alumnos de Santiago súmanse a produción de biodiésel a partir de algas mariñas de rapaces de Vigo ou a obtención de enerxía a partir dunha pataca formulada por un alumno de Ribadeo (Lugo)”, engaden fontes do Parque Tecnolóxico de Galicia. A maiores, e xa nun plano máis tecnolóxico e ligado á cálculo de altas prestacións, dous alumnos de Ribadeo están a comparar na feira “o grao de acerto de MeteoGalicia e da Axencia Estatal de Meteoroloxía e, entre outras cousas, constataron unha maior fiablidade do servizo galego en canto ás precipitacións”.
Como avanzamos, este xoves ás 12 horas todos os que o desexen poden asistir desde a súa casa ao espectáculo De Newton a Batman: ciencia e superheroes a través da web da Tecnópole. Nel realizaranse divertidos experimentos para someter a exame científico os superpoderes de personaxes como Batman, Flash, Superman e Spiderman.