Até o sábado desenvolverase o II Congreso Internacional de Drons de Galicia

mércores, 23 de maio do 2018 Redacción

Imaxe da presentación do congreso o pasado día 1

Mañá terá lugar a primeira das tres xornadas nas que este ano se desenvolve o II Congreso Internacional de Drons de Galicia, edición que logrou recompilar o máis innovador e punteiro en canto a aplicacións no mundo dos drons e que está organizada pola Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AGGETT) co apoio de entidades públicas e privadas para levar a cabo a organización. Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Concello de Ourense e a Axencia Galega de Innovación apoian este congreso desde a administración, mentres que outras entidades privadas participan tamén para levar a cabo e a bo porto o resultado do certame, como Indra, Babcock, Ineco, Catalá Occidente, Camba& Camba, Gradiant e Caldaria.
As máis modernas aplicacións ao servizo deste sector, ou as últimas novidades lexislativas, a investigación, os organismos implicados na seguridade, ou empresas que están a proxectar o uso de drons para distintas actividades… todo terá cabida nos dous días de relatorios e mesas redondas e nas exhibicións previstas.
Na xornada do xoves, as distintas mesas e relatorios sucederanse desde as 10:00 horas e ata o mediodía, tendo lugar a apertura oficial do evento ás 17:00 horas, na Sala Azul do Auditorio. O acto inaugural contará coa presenza de Alberto Núñez, presidente da Xunta, que estará acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, Rosendo Fernández en nome da Deputación como vicepresidente, e os organizadores José Manuel Martínez (presidente de AGGETT) e Mario Cortés, decano do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións.

PUBLICIDADE