Atopan un simulador de voo oculto no programa Google Earth

luns, 3 de setembro do 2007 Marcus Fernández

O novo simulador de voo sobrevoando Santiago de Compostela

O blogueiro Marco Gallotta fixo unha interesante descuberta mentres utilizaba a última versión do programa Google Earth, pois atopou un ovo de Pascua no mesmo, ou sexa, un elemento oculto, que consiste nun simulador de voo que permite sobrevoar os mapas de Google utilizando un avión de combate F-16 ou unha avioneta Cirrus SR22.
Os voos pódense iniciar dende varios aeroportos de todo o mundo ou directamente no aire dende o punto que queiramos, podendo manexarse o simulador co teclado, o rato e mesmo un joystick, de xeito que os amantes deste tipo de programas poderán moverse por zonas coñecidas a toda velocidade (co F-16) ou con certa calma (coa avioneta) aínda que sempre tendo que manter un certo control para non estrelarse contra o chan.
A experiencia é comparable á de simuladores de voo de pago no que se refire á aparencia gráfica, e unha vez accedida a esta opción mediante a combinación de teclas Control + Alt + A aparecerá visible dentro do menú do programa na sección de ferramentas (quedando desbloqueada a función oculta).
Dende a web de Google explican pormenorizadamente as teclas que hai que empregar para utilizar o novo simulador de voo, aínda que hai que advertir que o seu uso co teclado é demasiado brusco e complexo, recomendándose outras interfaces para un bo control.