BBVA lanza servizo para facermos diagnósticos en liña da nosa saúde financeira

martes, 19 de setembro do 2017 Redacción

A banca estase a integrar no plano dixital na procura de novos xeitos de interactuar cos clientes que, hai menos dunha década, serían inimaxinábeis. Un exemplo desta busca de meirande contacto cos usuarios é a nova funcionalidade BBVA Bconomy, presentada onte por BBVA (por Gonzalo Rodríguez e Elena Alfaro) e dirixida a fornecer aos clientes de diagnósticos en liña da súa saúde financeira. Segundo fixo saber a banca, trátase dun servizo integrado dentro da aplicación e a páxina web de BBVA. A ferramenta, entre outras cousas, é quen de medir a evolución dos nosos ingresos e gastos, o nivel de aforro, o gasto en vivenda ou o nivel de endebedamento, cualificando cunha nota media o estado de contas no que nos atopamos (que sería “axeitado” se nos acharamos por enriba do 50%, aínda que xusto nese punto de porcentaxe serían precisas medidas de aforro para mellorar).
Ademais do diagnóstico da nosa saúde financeira BBVA Bconomy, o servizo foi concibido para axudarnos con recomendacións e ferramentas personalizadas en función da nosa situación. Segundo se fixo saber na presentación do servizo, a devandita entidade financeira é a primeira do ámbito estatal que fornece deste recurso de análise personalizado. “O noso obxectivo”, sinalaron Rodríguez e Alfaro, “é pór ao alcance dos nosos clientes toda a información precisa sobre a súa economía para que poidan tomar mellores decisións, deste xeito, con BBVA Bconomy poderán coñecer como están a xestionar as súas finanzas e detectar como mellorar en aspectos que lles permitan afrontar o seu ciclo de vida con meirande tranquilidade”.
O director de Transformación Dixital de BBVA España, Gonzalo Rodríguez, explicou que BBVA Bconomy vai en liña co propósito da entidade financeira de crear novas oportunidades para os clientes, xa que lles axuda a ter un mellor control da súa situación, contribuíndo a que aforren de maneira máis doada ou a contar “cun colchón” ante imprevistos. “O diñeiro é o principal motivo de tensión para as persoas e con BBVA Bconomy queremos axudar a reducilo”, engadiu.
Pola súa banda, a directora de Data & Analytics e Innovación Aberta de BBVA, Elena Alfaro, informou que “o uso intelixente dos datos achega personalización, relevancia, e unha mellora na toma de decisións. Queremos que os clientes entendan e controlen mellor as súas finanzas, de xeito que estean máis tranquilos á vez que cumpren os seus obxectivos”.
Rodríguez e Alfaro tamén engadiron que BBVA Bconomy fornece dunha comparativa sociodemográfica con outras persoas da nosa contorna e de semellantes características. En concreto, da nosa mesma idade, sexo, rango salarial e código postal. “Deste xeito”, engadiron, “teremos unha referencia para avaliar se o gasto que estamos a realizar está por enriba ou por baixo da media”.
A ferramenta estará dispoñible para todos os clientes a partir do vindeiro 24 de setembro tanto na web como na aplicación móbil de BBVA.

PUBLICIDADE