Bang & Olufsen mellorará o son dos produtos de HP

martes, 24 de marzo do 2015 Marcus Fernández

HP e Bang & Olufsen anunciaron hoxe unha alianza para levar a experiencia sonora de calidade propia de Bang & Olufsen a ordenadores, tabletas e accesorios de HP, de xeito que non dependerá onde decidamos gozar dos nosos contidos multimedia para poder facelo coa debida calidade, medida que podemos entender como unha reacción á absorción de Beats por parte de Apple.
A través deste acordo de colaboración procurarase que os ordenadores portátiles e de escritorio, as tabletas e os accesorios da marca HP poidan levar as marcas Bang & Olufsen ou B&O PLAY, o que indicará que coidan o seu apartado sonoro. Amais, os sistemas de HP tamén contarán con seu respectivo panel de control para poder axustar a configuración do seu audio, para adaptarse aos gustos do usuario.
Os primeiros equipos de HP que verán a luz tras esta alianza con Bang & Olufsen chegarán en primavera, e comezarán polos ordenadores Spectre, OMEN e ENVY, que farán uso da marca Bang & Olufsen, mentres que os ordenadores HP Pavilion, as tabletas e os accesorios de audio para equipos informáticos lucirán a marca B&O PLAY.