Best Buy comezará a comercializar reprodutores alternativos ós iPod

venres, 6 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A cadea de tendas norteamericana Best Buy lanzará un novo servizo de música combinando as prestacións dos reprodutores multimedia de SanDisk cos servizos de música a través da Internet de RealNetworks, competindo así con Apple e o seu iTunes.
Deste xeito, Best Buy comezará a vender a partires do 15 de outubro reprodutores SanDisk Sansa e200R que se poderán conectar ó servizo de subscrición Rhapsody de Real, consolidando unha interesante opción de compra, aínda que o terán difícil dado que Apple vén de reducir o prezo dos seus iPod, de xeito que a competencia resulta moi complicada nestes momentos, e os reprodutores de SanDisk están case empatados cos de Apple en prestacións e prezos, podéndose pór máis difícil aínda a situación coa entrada no xogo do Zune de Microsoft.
Jennifer Schaidler, vicepresidenta da división musical de Best Buy afirma que “o cliente agarda que todo funcione xunto” de aí que aposte por vender un dispositivo multimedia integrado cun servizo de música en liña e, ademais, coa compra do Sansa e200R incluiranse 2 meses de acceso gratuíto a todo o catálogo de Rhapsody.
Así, o éxito deste lanzamento de Best Buy podería estar en que se promove un servizo de subscrición (toda a música que desexes por 14,99 dólares/mes) fronte ó modelo de pago por canción de iTunes, o que podería atraer ós usuarios que queiran un xeito legal e doado de escoitar moita música sen ter que gastar unha chea cartos.
O reprodutor Sansa de 2 Gb de capacidade custa 139,99 dólares, mentres que o modelo de 8 Gb se vende por 249,99 dólares, aínda que en Europa poderemos tardar en ver ós reprodutores de SanDisk como unha solución multimedia completa, xa que o servizo de Rhapsody só está dispoñible para residentes nos EE.UU. (aínda que levan moitos meses prometendo dende Real o lanzamento europeo deste sistema de subscrición musical).

PUBLICIDADE