Black Myth: Wukong chegará a Xbox Series X|S no verán

venres, 6 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O xogo Black Myth: Wukong foi un dos grandes éxitos de 2024 para PC e PS5, chegando a converterse no Xogo do Ano en Steam, ensombrecéndose este lanzamento con comentarios dende Game Science dando a entender que tiñan problemas técnicos para levar o xogo a Xbox Series X|S, o que desmentían dende Xbox, e que agora resulta evidente de que era unha mentira do estudio chinés, que anuncia que o xogo chegará ás consolas de Microsoft o 20 de agosto, xusto un ano despois do lanzamento para PS5, evidenciando que tiñan acordada unha exclusividade temporal para consolas de Sony. Pese á coincidencia, dende Game Science seguen a asegurar que o adiamento da versión para Xbox Series X|S debeuse a dificultades no desenvolvemento.
O xogo poderase reservar a partir do 18 de xuño, o que permitirá acceder a un desconto do 20 % que tamén experimentarían as versións para PS5 e PC nas distintas plataformas nas que están dispoñibles.

Tráiler do xogo