Blockbuster agarda que o Blu-ray permita a supervivencia do seu modelo de negocio

luns, 11 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O aluguer de películas de vídeo viviu toda unha revolución coa chegada do DVD, dando xa por desaparecido o VHS, pero agora o sector está sumido nunha seria crise, na que as descargas a través da Internet, a televisión de pago e a propia televisión en aberto supoñen unha competencia demasiado forte, pero dende compañías coma Blockbuster agardan que o emerxente mercado dos discos Blu-ray poida ser a súa salvación, pois están a detectar un «crecemento consistente» nas vendas de dispositivos que permiten reproducir este tipo de películas (aínda que hai que admitir que se trata principalmente de consolas PS3).
Aseguran que dende Blockbuster están a vender entre 2.000 e 3.000 dispositivos de reprodución de Blu-ray á semana, o que podería servir para fidelizar aos usuarios, e que logo volvesen a alugar películas no novo soporte que achega unha calidade de imaxe que normalmente non ofrecen os competidores.
Tamén pensan que a desaparición do formato HD DVD foi un grande paso adiante, pois agora xa non se confunde ao usuario con múltiples discos de alta definición, ou sexa, que o grande competidor do Blu-ray será só o DVD.