Blusens desvela máis segredos do seu reprodutor Keia, que estará nas tendas o día 20

venres, 12 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Logo da súa presentación na feira IFA de Berlín perante o máis punteiro da industria dixital do lecer, Blusens vén de anunciar que o seu dispositivo estrela da tempada, o Keia, está xa a piques de abrirse camiño no mercado internacional. E nunca mellor dito o de abrise camiño, xa que en fronte terá dous pesos ben pesados que, sen axuda de ninguén máis, xa cobren unha boa parte dos vieiros a seguir: o iPod Shuffle e o Creative Zen Stone. Con todo, o novo reprodutor MP3 da empresa con sede en Santiago sae da liña de saída coa arela de atoparlle ao mercado os máis que posibles accesos, participando do espírito dos restantes produtos saídos da compañía: deseño innovador, facilidade de emprego, as maiores prestacións posibles e uns prezos reducidos.
Keia, que significa hoy en hawaiano, xorde tamén con outro obxectivo ben claro: converterse nun complemento deportivo ou de moda, tendo ao seu favor unha ampla gama de feituras e cores (vermello, azul, amarelo, branco ou negro, ou con acabado brillante ou de neopreno).
O aparello, que se resume a si mesmo nun gran botón dende o que posible o seu control íntegro, ten unhas dimensións moi reducidas. Con 19 gramos de peso, presenta 4,6 centímetros de alto, 41 de longo e 1,2 de ancho. Este reducido tamaño, engade Blusens, non é impedimento para a inclusión de 4 Xb de memoria, radio FM, cronómetro, temporizador, gravador de audio e voz, ecualizador e micrófono. Asemade, incorpora unha pantalla QLED dende a que podemos ter un control do menú e un clip de suxeición extraíble que facilita o seu carretado dun lado a outro e de moi diversas formas: camiñando, correndo ou levando a cabo calquera outro tipo de deporte.
Con todo, un dos puntos fortes do trebello de Blusens (que estará nas tendas a partir do 20 de setembro) será sen dúbida o seu prezo: 35,90 na versión de 2 Xb e 49,90 euros para a de 4 Xb.