Blusens incorpora o galego na súa liña de sintonizadores TDT
mércores, 25 de marzo do 2009
Blusens Global Corporation,
a multinacional galega de electrónica, semella non estar no mesmo entorno que
as demais compañías ás que a crise lles está a afectar gravemente nas súas
vendas e segue a medrar pese á mala situación económica mundial que estamos a
vivir, sen esquecer nunca, iso sí, de onde provén.
Agora, a nosa compañía TIC máis internacional, ademais de
confirmar a boa marcha das vendas dos seus produtos de electrónica de consumo
habituais como os reprodutores MP3 e MP4, os GPS, as pantallas TFT e incluso as
minicomputadoras, vén de anunciar a distribución de máis de 100.000 unidades de
sintonizadores de TDT ao mes para o resto do ano, unhas vendas que non inclúen
os sintonizadores TDT integrados noutros produtos da firma como televisións ou
discos duros multimedia.
A liña de sintonizadores TDT de Blusens comprende unha ampla
gama que segundo afirman, “satisfán as
necesidades de calquera usuario”, comezando polos modelos SCART, como o T.8
e o T.9, de reducidas dimensións, e continuando cos modelos T.11, T.12 e T.13,
que “pasaron os controis máis esixentes
de calidade de sinal”.
A firma galega decidiu apostar por este tipo de tecnoloxía
con vistas a equipar á sociedade galega con TDT antes da inminente chegada do “apagón analóxico” do vindeiro ano 2010
e segundo indican, “fixeron un esforzo
por crear menús sinxelos e de manexo doado para tódolos usuarios”, sen
esquecer o galego como unha das línguas nas que poder configurar os
sintonizadores TDT.
Os responsables desta liña de produtos propuxéronse como
obxectivo proporcionar gran variedade de opcións en prezo e prestacións aos
seus usuarios e afirman que, tras o apagón analóxico, os seus usuarios “non terán que preocuparse polo rendemento
do seu novo sintonizador”.
