Blusens presentará os seus novos produtos na IFA de Berlín

venres, 8 de agosto do 2008 Raquel Noya

O novo HED de Blusens presentarase en Berlín

Blusens Corporation, a multinacional tecnolóxica con sede en Santiago de Compostela, vén de anunciar que estará presente na edición 2008 da IFA, unha das feiras de electrónica de consumo máis importantes de Europa, que terá lugar do vindeiro 29 de agosto ó 3 de setembro en Berlín.
A compañía galega pretende aproveitar este “escaparate internacional” para mostrar, por primeira vez perante o mercado alén das nosas fronteiras, o seu novo Home Entertainment Device (HED), un revolucionario dispositivo que, segundo afirman os seus creadores, “redefinirá por completo o concepto de lecer no fogar”.
Os responsables de Blusens afirman que porán toda a súa gama tecnolóxica a disposición dos visitantes de IFA 2008 no stand 115, hall 14.1; dende as novidades en portabilidade que a firma ofrece este ano, ata as tendencias en ocio para o fogar, incluíndo TVs LCD, discos duros multimedia e o devandito HED.
Segundo vén de sinalar Miguel Silva, o vicepresidente executivo de Blusens e Managing Director Global Operations, “no ambicioso proceso de internacionalización no que se atopa Blusens, unha das prioridades é estar nos foros axeitados, e IFA é unha das feiras referentes a nivel mundial”.
A presenza de Blusens nesta mostra, reafirma a aposta da compañía por entrar nos mercados internacionais, algo no que está a traballar dende a fusión da súa matriz española coas filiais no Medio Oriente e Asia e da recente apertura de Blusens Sudamérica.