Blusens prosegue a súa internacionalización cunha nova sede en Miami
luns, 13 de abril do 2009
Blusens, a firma
santiaguesa de electrónica de consumo, vén de reafirmarse no seu papel de
empresa tecnolóxica máis internacional de Galicia e, facendo caso omiso ás
recomendacións de expandirse con tino ata que a crise mundial vaia cesando, vén
de anunciar o seu desembarco en Estados Unidos, onde abrirá unha sede en Miami.
A empresa galega, que xa ten filiais en China, Dubai,
Malasia, México, Uruguay, Reino Unido, Portugal e Canadá, vai contar con
presenza en nove países máis grazas á apertura desta nova sede no país máis
poderoso do mundo.
Segundo poidemos ler no xornal La voz
de Galicia, o obxectivo desta entrada en Estados Unidos é “organizar toda a operativa e a loxística
tanto en Norteamérica como en Sudamérica” e, en palabras de Miguel
Churruca, o director de marketing e comunicación de Blusens, escolleuse Miami, “por ser un lugar de referencia para
calquera compañía así como por ser un centro loxístico clave onde hai moitos
provedores e firmas de distribución”.
A compañía tecnolóxica aínda non ten previsto entrar
comercialmente en Estados Unidos, aínda que o devandito medio de comunicación
asegura que “si é un obxectivo a medio e
longo prazo”.
Os responsables de Blusens afirman que coa apertura desta
sede en Miami, primeiro posicionaranse alí para a operativa e a distribución e
logo, máis adiante, “para vender”.
