Bota a andar a Maker Faire Galicia cunha xornada profesional

venres, 24 de novembro do 2017 Redacción

Esta mañá botou a andar a Maker Faire Galicia na Cidade da Cultura, cunha xornada dedicada a profesionais, un Foro Industria 4.0 no que participou na súa inauguración i director do IGAPE, Juan Cividanes, onde sinalou que desde a Xunta estase a apostar polo investimento en sentido amplo, pero poñendo o foco na necesaria transformación da industria galega cara a extensión da fábrica intelixente e conectada.
Dentro da estratexia galega de Industria 4.0, o director do IGAPE sinalou que se tenderán pontes entre o mundo Maker e a industria, mediante programas específicos relacionados co desenvolvemento de novos provedores e coa xeración de espazos de innovación aberta e colaborativa para argalleiros, emprendedores e empresas que poidan traballar na creación de novos conceptos e produtos no tecido industrial galego.
O director do IGAPE celebrou que Galicia conte cun movemento Maker forte e dinámico chamado a xerar sinerxías que nos permitan avanzar en cabeza da nova revolución industrial, como poderá comprobar calquera que durante esta fin de semana se achegue á Maker Faire Galicia, encontro que o sábado e o domingo acollerá charlas, obradoiros e numerosas actividades para toda a familia que pretenden dar visibilidade á riqueza deste movemento, que conta en Galicia con moitos integrantes e unha grande diversidade de iniciativas.

PUBLICIDADE