CRI-TIC formará aos máis pequenos en competencias dixitais dende a CeMIT de Pontevedra

luns, 17 de xuño do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra impartirá neste mes de xullo dous cursos para formar aos nenos en competencias dixitais, unha proposta que se enmarca dentro do proxecto CRI-TIC, Infancia e Xuventude con criterio dixital da Fundación Esplai Cidadanía Comprometida, que ten como obxectivo principal favorecer a adquisición de competencias tecnolóxicas, buscando a inclusión dixital desde a infancia.
Os cursos, que se desenvolverán entre o 1 e o 22 de xullo, están enfocados a nenos de 9 a 11 anos, por unha banda, e de 14 a 17, pola outra, e están deseñados para ensinar á rapazada conceptos básicos de ferramentas informáticas, usos seguro e responsábel de Internet, programación, robótica educativa, impresión 3D, ou Realidade Virtual.
Segundo informou a Deputación de Pontevedra, cada un dos cursos teñen como obxectivo desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas. Constan dun total de cinco etapas, nas que o alumnado deberá superar un total de seis misións cunha duración estimada de 60 minutos.
O primeiro dos cursos, de competencias básicas, é para nenos de 9 a 11 anos e desenvolverase de luns a venres de 11:30 a 13:30 horas. Os cativos descubrirán os beneficios das TIC, as fake news, que é a identidade dixital e a netiqueta, así como a previr o ciberacoso, protexer os seus datos persoais e dispositivos, ou sobre bibliotecas dixitais, ferramentas de deseño e participación cidadá.
O segundo dos cursos, o que está enfocado a rapaces de 14 a 17, desenvolverase tamén de luns a venres de 9:30 a 11:30 horas e, neste caso, aprenderán sobre redes sociais e saúde mental, protección de datos persoais e privacidade, identidade, pegada dixital e netiqueta, ocio saudábel, ciberseguridade e prevención do ciberacoso, creatividade dixital e busca de emprego.
Ámbalas dúas iniciativas, que terán lugar do 1 ao 22 de xullo, celebraranse na Aula CeMIT de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación. Os interesados en asistir aos cursos poden inscribirse ata o 28 de xuño a través do correo electrónico cemit.pontevedra@xunta.gal.

PUBLICIDADE